Friday 19 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño colabora na iniciativa, que ofrece formación en cuestións tan variadas como o coidado de persoas con Alzhéimer, a creación dunha marca persoal ou incluso o detallado de vehículos,


Telemática Galicia ofrece en xaneiro 15 cursos gratuítos en liña que xa teñen aberto o prazo de inscrición

A empresa naronesa Telemática Galicia (Telegal), especializada en formación, está impartindo un curso de capacitación para a Docencia da Formación profesional para o emprego. Agora, na recta final da formación, cada participante debe planificar e levar a cabo a súa propia acción traballando con contidos e alumnado real. E aí entra a área municipal de Desenvolvemento local, quen colabora coa empresa na difusión e na captación de persoas que queiran aprender múltiples cousas por medio de 15 cursos gratuítos en liña -agás un- que se desenvolverán, dependendo das materias, desde o 7 e desde o 18 de xaneiro. O catálogo de cursos, denominado “Formación en tempos de COVID” está dispoñible a través desta ligazón, onde tamén se poden facer as inscricións. Cómpre apurar, xa que as prazas son limitadas.

Os contidos son moi variados e están todos orientados a cuestións moi útiles na nosa vida diaria. Veranse aspectos administrativos, como por exemplo a realización da declaración da renda ou o uso de distintas sedes electrónicas, pero tamén outros relacionados en certa medida co ámbito social. Neste último apartado entrarían as accións formativas sobre mediación familiar e escolar, a de igualdade e linguaxe non sexista, a de ximnasia de mantemento para persoas con discapacidade e, por último, a de calidade de vida para persoas enfermas de Alzhéimer, cuxa estrutura se recolle neste vídeo.

Porén, entre as propostas formativas tamén hai varias opcións pensadas para potenciar a persenza en internet de pequenos negocios ou incluso para mellorar as posibilidades de atopar un traballo. Dentro deste capítulo atopamos un curso para crear cooperativas de traballo asociado, outro de escaparatismo e redes sociais, outro que se centra na posta en marcha de tendas virtuais e tres máis que se ocupan de mostrarnos vías para a motivación e o emprendemento, para o deseño dun currículum en LinkedIn que nos axude a crear a nosa marca persoal e para aprendermos mecanografía de maneira doada e ao noso ritmo.

Fóra destes dous grandes apartados temos, para completar o catálogo formativo en liña, un curso de introdución ao guión audiovisual e outro sobre ferramentas de organización do fogar ou dun negocio. O único curso que será presencial -do 14 ao 15 de xaneiro- desenvolverase en San Sadurniño cun programa de 10 horas. Nel falarase -e verase na práctica- como lavar e limpar correctamente un vehículo, achegando ademais varios trucos de detallado (o coñecido como “detailing”) para que o resultado final sexa espectacular.

As inscricións en todos estes cursos son gratuítas e poden facerse en liña a través das ligazóns que hai no seguinte cadro. A primeira tandada comeza o día 7 de xaneiro e a segunda arrancará o 18. Con todo, quen teña interese en calquera destas accións formativas debe irse anotando xa debido a que en cada unha delas hai límite de prazas.